viernes 9 de mayo de 2008

Declaración Irmanciña.

Non falas porque es parvo. E colles mal os cubertos mentres emites ruidos estranos coa boca chea de macarróns con queixo. Ao teu lado, tarzán sería o gentleman que toda adolescente precintaría nas paredes do cuarto. Ademáis tes as unllas negras de argallar na cadena da bicicleta. Lévaste a matar coas ecuacións inda que aspires a enxeñeiro. E non lle toques as narices á cadela, que calquer día vanche aparecer roídos os cables da Play. Por moito que rapees, os Rolling seguirán atronando a casa: somos tres contra un. Así que vaille poñer as medias a túa avoa que hoxe tócache a ti.

Non falas porque eres tímido. E gústanche máis os macarróns con queixo que preparo eu que os de mamá. Volves toliñas ás rapazas con ese look desaliñado. Ademáis, estás feito un "manitas". E inda que che custe aprobar as matemáticas, loitas para gañar. Ás veces a cadela vaite espertar ao cuarto e, cando quere xogar coa pelota, búscate a ti. Pídesme que che grave música e poñémonos a tolear. E faslle sorrir á avoa cando non a pescas facendo trampas coas cartas.
Pero, por deus, non volvas tirar unha vengala dende o balcón, que os novos xeranios son ben bonitos.

miércoles 7 de mayo de 2008

Abril.




Se teño que definir "tenrura" a palabra precisa é abril. Non por ser o mes das flores nin porque a primavera altere o sangue. Abril porque nel sempre suceden cousas inesperadas e si lle teño que ter cariño a un mes como llo teño a un can, abril sería o meu fiel compañeiro de apertas e nostalxias.
Abril tróuxome en volandas. En ocasións demostroume que a lei da gravidade é paralela ás gañas que lle poñas. E que as catro estacións inflúen na atemporalidade das terminais. Abril sacoume a pasear e marcou as coordenadas mexando nas farolas, mais nunca lle tiven que por a correa porque xamáis se perdeu buscándome.
Con abril son un ano máis vella. E é probable que comece a terlle manía cando chegue aos 30. Daquela, escollerei outro mes para coidar na memoria. Todo o mundo sabe que as mascotas non duran moito máis dunha década.

martes 6 de mayo de 2008

Perfumes cotiáns.


Velaquí a miña lista de perfumes:

1. O vendaval da costa.
2. A tinta impresa no xornal a primeira hora da mañá.
3. O café de pota.
4. A roupa a secar na chousa.
5. As mazás maduras, no chan, xa caídas da mazaira.
6. A choiva de inverno.
7. O acondicionador do pelo.
8. Os postres da avoa.
9. O feixe de billetes para pagar o aluguer (¿estes en realidade ulen ou será máis ben un efecto psicolóxico?).
10. Un libro antigo.
11. O cacao para os beizos.
12. A lonxa do porto.
13. Algodón de azucre.
14. As igrexas baldeiras.
15. Un martes de mercado.
16. O faiado coas súas cousas valiosísimas.
17. O parque a primeiros de maio.
18. Os xeranios do balcón.
19. A pel en agosto.
20. A pel de él.