sábado 24 de noviembre de 2007


Buscamos recunchos nos que sedimentar
focos de luz
para espirse cada mañá
mentres no tempo
só existe o asfalto en bicicleta
¿Por que corremos lento?
Non teño máis piñóns que vinte dedos
a arquitectura das pernas, débil armazón
sae e entra na casa
escoce tanto a vista
que non podemos pechar os ollos
só corremos, maratón endiañado
sen entender o descomposto sinal
que fede a manzaíña.

Lonxe do faro diamantísimo
as consecuencias do esquecido pedalean.

sábado 17 de noviembre de 2007



Coa miña saliva podes facer tódolas viaxes
deixar pesquisas nos retretes da estación
acostumada a seguirte plantando flores e maletas
que non xermolan en ningures
coma cando chove nos desertos do corazón.
Cando xa non hai uvas que apañar polo camiño
e non soporto facer a cama soa coma de nena
derrúmbaseme a ventá desde a que te vexo
todo o que te observo desde o andén.
Coa miña saliva podes poñer niños nas zarzas
e esperar e esperar
ata que tropeces comigo.

jueves 15 de noviembre de 2007




Bebo do outono as cordas da melancolía
coma quen estremece o vento
almorzo con leite o lamento
mentres caen os céntimos no chan
mentres caen das árbores, paseniño
as mañás de novembro.

As fenestras seguen pechadas, coma vós
pero ó final da rúa sen nome
atoparei o portón entre toxos e basoira
enterrarei o lastre, se rogas
mesmo plantarei mazairas na horta
na procura das chaves que perdín.

Lonxe de se atraeren os polos opostos
rebozareime no medio das follas, do barro
desacougada
dándolle forma cos pés á ánfora
da que beberei ácida cando chova.

Coma as mañás de novembro
caio lenta das árbores e no proceso,
toda a música que non escoito.

lunes 5 de noviembre de 2007




Catrocentos kilómetros de asfalto se deteñen
nun ruxir de pálpitos descabalados.
No mar de palla non navegan árbores
buceo eu, perdida
concéntrica na xeometría do que busca.
Desheredada estou sobre esta terra
co manto de pedra vestíndome polos pés.